Nº Inventario PCUMA:

IN_O03

Tipoloxía:

Oficios

Edificación:

Secador

Descrición:

O oficio de secador consiste en conservar o peixe deixándoo secar ao sol. Esta técnica realizábase, inicialmente, nas casa dos propios pescadores. Co paso do tempo esta actividade trasladouse aos portos, buscando espazos máis ventilados onde había menos problemas coas moscas. Algunhas das especies que se empregaban nesta técnica eran os peixes brancos como o congro, a zapata, a patarroxa, a xarda, a raia ou o polvo.

Esta técnica de conservación dos peixes e outros animais mariños, mediante o secado, empregando para iso o vento e o sol, xa se usaba en Galicia desde a Idade do Ferro.

Antes de poñer os peixes a secar realizábanlles uns cortes cunha folla curva chamada poda. O peixe quedaba aberto e despregado de pao a pao e coa súa carne branca toda furada en forma de celosía. Despois os ensartaban en varas e colgábanos nunha estrutura de madeira, chamada cabria, e deixábanse secar ao sol.

En ocasións a técnica do secado usábase conxuntamnete con outros metodos de conservación como a salgadura.

Neste proceso dividíanse os peixes á metade, limpábanse, e facíanselles varios cortes á carne sen perforar a pel. A continuación, lavábanse con auga, esparexíaselles sal por riba e amontoábanse durante 24 horas para finalmente secalos durante 3 ou 4 días.

Na actualidade esta técnica atópase practicamente en desuso, aínda que podemos atopar bacallau, congros e polvos secados nalgunhas localidades galegas. Así mesmo a técnica tamén evolucionou, empregándose agora cámaras metálicas específicas para o secado do peixe.