Mariscador/a
Nº Inventario PCUMA:
Tipoloxía:
Descrición:
O oficio de mariscador consiste na crianza, captura e recolleita de marisco, principalmente moluscos para a súa venda. Esta arte de pesca é unha disciplina transmitida de xeración en xeración e fundamentalmente feminina. As ferramentas que se utilizan para capturar marisco nas praias, marismas e rías son as mesmas que as que utilizaban no campo; o sacho, o angazo, a fouciña, a fisga ou a rasqueta.
Distinguimos entre dous tipos de marisqueo: o marisqueo á boia realizado por homes sobre embarcacións de pequeno tamaño e o marisqueo a pé realizado por mulleres na zona intermareal. As mulleres que traballan nas praias, removen a area coas ferramentas anteriormente mencionadas para descubrir os moluscos que van almacenando en cubos ou sacos.
Ao principio o marisqueo foi unha actividade para o autoabastecemento propio das familias que non contaban con outros medios de subsistencia. Esta actividade comezou a ter un carácter comercial a finais dos anos cincuenta e principios dos sesenta. Os moluscos foron os produtos que permitiron á industria conserveira superar a crise da sardiña, abrindo novos mercados.
Este oficio foi evolucionando e as mariscadoras actuais non só se dedican á extracción, senón que tamén sementan, cultivan, limpan as algas, rarean para que non se amontoen os moluscos e ata vixían.
O oficio de mariscadora ten varios problemas como enfermidades laborais causadas polas posturas, a presenza de algas abundantes, pragas, mareas vermellas, verteduras de industrias próximas e ata presenza de furtivos e competencia doutros mariscos importados.
Actualmente esta actividade atópase regulada por lei para asegurar a súa viabilidade. As persoas profesionais do marisqueo están organizadas en confrarías que realizan un plan de Explotación Marisqueira co asesoramento de biólogos, no cal se fixan os períodos de veda, os permisos, prazas e as medidas mínimas de cada especie.