Carpinteiro de ribeira

Nº Inventario PCUMA:

IN_O01

Tipoloxía:

Oficios

Descrición:

O oficio de carpinteiro é o de todo aquel que ten un coñecemento nas técnicas e no uso da madeira, e lévao á práctica mediante o traballo e labrado desta.

Na sociedade galega, tanto a do interior como a do litoral, era frecuente atopar a figura do carpinteiro, que respondía a unha longa tradición no emprego da madeira, consecuencia da importante riqueza forestal galega.

Esta tradición trouxo consigo unha clara especialización por áreas que deu lugar a distintos oficios: “En xeral, chámase carpinteiro a todo aquel que traballa a madeira, pero son moitas as especializacións que se dan nesta materia, polo que varía tamén o tipo de carpinteiro, constituíndo algunha destas variantes verdadeiras especializacións. Os máis importantes son: carpinteiros de taller, ebanistas, carpinteiros de armar, carpinteiros de ribeira, carpinteiro de carros, zoqueiros e torneiros” (Lorenzo Ferná, 2011).

O carpinteiro de ribeira é o construtor e reparador das embarcacións de madeira, que adquiriu os coñecementos específicos sobre o uso correcto do material, así como a destreza no manexo das ferramentas características.

A aprendizaxe deste oficio era un proceso práctico que se efectuaba traballando nunha carpintaría de ribeira adquirindo o coñecemento empírico transmitido de xeración en xeración.

Actualmente, o oficio de carpinteiro segue englobando tres grandes especialidades en Galicia: carpinteiro de armar, os que se dedican ás armaduras e armazóns, é dicir, á obra basta; os carpinteiros do banco ou de taller, que se dedican ás pezas máis pequenas e con acabados traballados; e o terceiro grupo, que son os carpinteiros de ribeira, encargados da construción das embarcacións.